Saltar al contenido
Portada » Novas » Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Zamora C.F.

Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Zamora C.F.

Previa / J. Arribas / C.D. Arenteiro – Zamora C.F.

O C.D. Arenteiro afronta unha nova xornada en Espiñedo coa confianza reforzada polos últimos resultados. Jesús Arribas compareceu en sala de prensa antes do encontro ante o Zamora CF e deixou claro que o equipo quere manter a súa boa dinámica.

Un rival de entidade

O técnico verde non dubidou en subliñar o nivel do cadro castelán, ao que considera un dos grandes aspirantes da categoría:

“Sabemos ao rival ao cal nos enfrontamos. O seu nivel non baixa nunca. Por presuposto, por equipo, é un dos candidatos a estar arriba e buscar opcións de ascenso”.

Con todo, Arribas incidiu en que a clave pasa polo rendemento dos seus:

“Estamos centrados nas nosas armas. O fútbol decídese en erros, detalles, en ser contundentes… pequenas cousas que cambian todo. Con balón temos que seguir na liña mostrada, mellorando nalgúns aspectos”.

Personalidade e valentía

Para o preparador, o Arenteiro debe saír decidido desde o inicio:

“Debemos ser valentes, agresivos, e buscar ao rival desde o minuto un. Agardamos un partido igualado, pero temos que ser fortes en casa, ter personalidade, levar o ritmo e marcar os tempos. Estruturarse ben será fundamental para non pasar apuros”.

Arribas destacou tamén a calidade dun Zamora cheo de argumentos ofensivos:

“Teñen futbolistas diferenciais, xogadores fisicamente fortes e perigosos, que buscarán someternos en poucos toques. É un equipo moi completo e compensado. Temos trazados varios plans en función do que propoñan”.

Un bloque en crecemento

O técnico mostrouse satisfeito co estado actual do vestiario:

“Levamos dous partidos bos, en liña ascendente. O equipo está cada vez mellor e compenetrado. Esta é a liña que debemos seguir, aínda que a tempada é longa e o que pase agora non garante nada dentro de dous meses”.

Non obstante, lamentou a baixa de Sergio:

“É unha ausencia complexa, un xogador importante. Con todo, temos unha boa plantilla e podemos equilibrar esas ausencias. Confiamos en todos para sumar esforzos e calidade”.

Arribas non pechou a porta a novidades no once:

“Estamos valorando situacións, pode que haxa cambios. Os xogadores saben que o seu momento chegará e teñen que estar preparados. Todos están sumando o seu gran de area, e iso é o máis importante para o C.D. Arenteiro”.

Sobre Jaume, o adestrador foi claro:

“É un xogador diferencial. Temos a sorte de telo aquí e pode axudarnos moito en faceta ofensiva. Seguindo nesta liña, poderá optar ao once”.

Noventa minutos de máxima esixencia

En definitiva, Arribas espera un duelo de enorme intensidade en Espiñedo:

“Vén un partido moi difícil, precisamos noventa minutos de alta calidade para conseguir cousas. Buscaremos o mellor once que represente ao equipo, á afección e á xente do Carballiño”.

Podes ver a previa completa na nosa cale de YouTube:

Noticias relacionadas