O CD Arenteiro afronta con ilusión e fe o desafío desta fin de semana ante o Racing de Ferrol, un dos conxuntos máis potentes da categoría. Jesús Arribas compareceu na previa coa serenidade de quen coñece ben ao seu grupo e co convencemento de que os seus poden competir de ti a ti fronte a calquera rival.
“A motivación por gañar é alta. Estamos convencidos das nosas posibilidades”, asegurou o preparador verde, que destacou o bo momento do equipo malia a falta de resultados nos dous últimos compromisos. “Sabemos que vimos de dous bos partidos sen recompensa, pero o equipo está ben. Traballamos moi ben durante a semana e a liña xeral é positiva”, engadiu.
Arribas contará con practicamente todo o persoal dispoñible, á excepción de Jaume, Solís e Nacho, e insistiu en que o grupo chega preparado e con confianza: “Estou convencido do que pode facer o equipo. A motivación está polas nubes”.
Sobre o rival, o adestrador destacou o seu potencial: “Coñecemos ao Racing de Ferrol, é un equipo moi completo, con grandes futbolistas e unha gran plantilla. Hai que estar concentrados dende o minuto un”.
O responsable do banco carballiñés fixo fincapé en que o rival domina practicamente todos os rexistros do xogo: “Non só teñen balón parado, compiten moi ben en todos os escenarios. É un equipo sólido e con moitos recursos”.
Con todo, Arribas quixo poñer o foco no seu propio vestiario: “Focalizámonos en nós mesmos. Temos que ser capaces de competir ao máximo coas nosas ferramentas, que son numerosas e de moito valor”.
En canto ás claves para o partido, foi claro: “Temos que ser valentes, ter confianza, defender ben e levar o peso do encontro con balón. Os pequenos detalles marcarán a diferenza, e debemos coidalos para que caian do noso lado”.
Tamén advertiu do perigo do Racing na xestión dos tempos: “Poden dar a sensación de que non pasa nada, e de súpeto fanche dano. Será un duelo esixente, temos que facer un partido moi completo. O equipo está en liña ascendente e imos demostralo”.
Ambicioso e directo, Arribas deixou unha mensaxe clara ao grupo: “Somos un equipo complicado, temos as nosas opcións de gañar. Quen non crea que podemos facelo, mellor que non veña. Temos moitísima motivación e ánimo para conseguir o resultado”.
O adestrador tamén recoñeceu a necesidade de mellorar a definición: “Estamos xerando moitas ocasións, pero falta esa cristalización. Iso fala ben do equipo, non é sinxelo xerar tanto, pero debemos conseguir máis goles”.
Por último, fixo unha chamada á confianza colectiva e ao apoio da afección: “O que se xera é froito do traballo grupal. Debemos confiar en quen somos e no que estamos facendo. Na nosa casa, diante da nosa xente, estamos obrigados a dar a mellor versión dun equipo forte e ambicioso”.


