Arribas: “Queremos ser mellores e gañar diante da nosa xente”
O CD Arenteiro afronta unha nova cita en Espiñedo coa visita do CD Guadalajara. O técnico verde, Jesús Arribas, compareceu na sala de prensa do estadio para analizar o encontro e transmitir confianza nun equipo que chega con enerxías renovadas e coa intención de ofrecer a súa mellor versión diante da afección.
“Chegamos con enerxías renovadas, moi motivados. Analizamos o último partido, no que, sen estar ao máximo, puidemos levarnos a vitoria. Sabemos que hai cousas que debemos corrixir”
, sinalou o adestrador, convencido de que o grupo continúa medrando semana tras semana:
“O equipo compite contra calquera rival. Estamos facendo un gran traballo e mellorando día a día. A mente está posta no CD Guadalajara, necesitamos recuperar sensacións”.
Arribas destacou a perigosidade do conxunto manchego, ao que definiu como un rival camaleónico e con gran capacidade de adaptación:
“Esperamos un rival moi perigoso. Teñen xogadores con moita calidade, son ofensivos, pero tamén traballan ben en defensa e saben meterse atrás se o partido o require. Coñecémolos ben e sabemos que, se non estamos ao noso mellor nivel, será difícil competir con garantías”.
O técnico subliñou a importancia dos detalles nunha categoría tan igualada:
“O outro día perderon no minuto 107. É unha liga na que os pequenos detalles cambian todo. Eses detalles teñen que caer do noso lado se queremos lograr o premio dos puntos”.
Tamén apelou á mentalidade e á conexión co público:
“Temos que dar á afección o que se merece, que se sinta representada. Queremos ser mellores, xogar mellor e conseguir os tres puntos. Este equipo xa demostrou ser un bloque solvente e forte, e temos que seguir traballando así”.
Por último, Arribas puxo o foco na concentración e na fortaleza psicolóxica como claves para o éxito:
“Necesitamos unha concentración moi elevada. O Guadalajara xera momentos de falsa sensación de dominio, e hai que ter unha mentalidade forte, desfrutar competindo e manter o nivel en todas as fases do encontro. Temos un plan de partido e con el imos buscar a vitoria”.
O Arenteiro chega á cita con ilusión e coa ambición de ofrecer unha tarde de fútbol á altura do seu público. Espiñedo quere celebrar unha nova vitoria verde.