ARRIBAS: “ESTE EQUIPO ESTÁ PREPARADO PARA COMPETIR CON CALQUERA”
O C.D. Arenteiro afronta esta fin de semana unha nova xornada de liga, visitando o Romano José Fouto para medirse á A.D. Mérida. Tras dous empates consecutivos en Espiñedo, o conxunto verdiblanco quere dar un paso adiante e volver á senda do triunfo. O adestrador, Jesús Arribas, analizaba o choque e destacaba a confianza que mantén no seu grupo.
“Fixemos bastante análise sobre o anterior. Buscamos puntos de mellora de cara ao fin de semana e estamos seguros das nosas opcións”, sinalou o técnico madrileño, que insiste en que o equipo “está preparado para competir con calquera”.
Arribas amosouse satisfeito co traballo realizado nas últimas semanas, pero consciente de que o equipo debe dar un paso máis en ataque:
“Estamos facendo un bo traballo, con cousas que mellorar, claro. Hai que ser máis agresivos, ler mellor o xogo e dar un paso adiante en ataque. O traballo defensivo é moi positivo, pero temos que equilibrar para mellorar números”.
O adestrador insistiu na importancia de ofrecer un fútbol atractivo e ofensivo, capaz de conectar coa afección:
“Temos que enganchar á xente desde un xogo ofensivo e atractivo. Buscaremos máis profundidade e para iso temos que ser ambiciosos e atrevidos”.
Respecto ao rival, Arribas destacou o potencial da A.D. Mérida, un equipo que —segundo recoñece— esixe o máximo nivel competitivo:
“O Mérida ten aspiracións grandes, optan a todo. En casa dan un punto extra, a afección lévaos en volandas. Temos que estar na nosa mellor versión para conseguir rédito”.
O técnico tamén puxo en valor o crecemento progresivo do seu equipo, destacando o rendemento e a actitude dos xogadores:
“O grupo está medrando por momentos. Sabemos que hai moito que mellorar, pero estamos moderadamente satisfeitos co rendemento crecente. Debemos ser eficaces no plantexamento e mostrar solidez”.
Sobre o rival, engadiu que “a nivel ofensivo teñen moitas alternativas, grandes regateadores e xogadores como Martín Solar que marcan diferenzas”, pero subliñou que “nós temos que demostrar personalidade e facer valer a nosa idea de xogo en todo momento”.
Por último, Arribas referiuse á situación dalgúns futbolistas tocados durante a semana:
“As probas a Ferreiro deron boas noticias, pero a decisión tomarémola mañá. Hai que ter coidado para non forzar. É un xogador que necesitaremos todo o ano. Pode que tamén recuperemos a algún futbolista máis para esta cita”.
O C.D. Arenteiro viaxará a Mérida coa intención de competir, crecer e buscar a vitoria nun escenario de máxima esixencia, convencido das súas posibilidades e da liña ascendente que está a seguir o equipo.