A derrota por dous goles a un impide continuar coa boa dinámica colleitada polo equipo verde.
Partido intenso o disputado hoxe en Barreiro entre dous equipos ambiciosos na procura da vitoria. Arribas dispoñía unha formación nova con estrutura de tres centrais e acumulación de homes en carrís interiores. En fronte, un equipo gravado de xuventude e velocidade que ía vender moi cara a contenda na tarde de hoxe. O perigo nos visitantes chegaba principalmente polos costados, grazas á iniciativa de Ferreiro e Jordan, que facilitaban as chegadas en poucos toques á área rival. Bos minutos dos verdes cun bloque alto e presión importante sobre a saída rival, cun traballo físico moi destacable encabezado por Víctor Mingo en punta de ataque.
A primeira metade dividíase entre o ímpeto dos visitantes e a acumulación de posesión por parte local, con Arcos e Óscar Marcos como elementos máis destacados do xogo. Bastante esixente en todos os aspectos este período para o Arenteiro, que vía como Marín conseguía o seu gol tras un saque de esquina que remachaba no segundo pau. A pesar dos esforzos dos homes de Arribas, a primeira metade concluía con resultado negativo para estes, e cun disparo de Bastida que se ía por pouco como epílogo do período.
A segunda parte traería a versión máis ofensiva dun Arenteiro que non perdía a cara ao partido. As entradas de Ochoa e Richarte ofrecían alternativas para un equipo que buscaba a igualada con todo. Tras dúas boas ocasións de Dani González e Ferreiro, chegarían os mellores minutos do conxunto verde. Sería o extremo ourensán quen máis perigo xeraría aos espazos e con centros cruzados de moito perigo sobre a área rival. En pleno vendaval ofensivo, un claro penalti cometido sobre Jordan sería transformado por Mingo, para conseguir o gol da igualada.
Rostro serio e competidor dun Arenteiro que, sen embargo, vería como a fortuna lle era esquiva a continuación, co gol da vantaxe celeste obra de Joel, quen remachaba con potencia un bo contragolpe que obrigaba aos de Arribas a remar de novo a contracorrente. De aí ao final, intentos constantes por parte do equipo, con toda a vontade e ofensiva, aínda que sen sorte nos metros finais. Con resultado negativo, o equipo finalizaba un encontro no que, sen dúbida, mereceu máis.
Resultado final: RC Celta Fortuna 2 – 1 CD Arenteiro