Saltar al contenido
Portada » Novas » O CD Arenteiro cae por dous goles a cero no derbi de Espiñedo

O CD Arenteiro cae por dous goles a cero no derbi de Espiñedo

O CD Arenteiro cae por dous goles a cero no derbi de Espiñedo

O conxunto verde non atopou o acerto fronte ao Racing de Ferrol nun partido moi disputado

O CD Arenteiro regresaba a Espiñedo coa misión de sumar tres puntos ante un dos grandes aspirantes ao ascenso, o Racing de Ferrol. Once de garantías para o cadro carballiñés, no que regresaban á titularidade Ferreiro e Mingo, completando un bloque sólido e competitivo que, dende o primeiro minuto, buscou achegamentos perigosos á meta de Perea.

O equilibrio foi a tónica dominante dunha primeira metade intensa, na que os locais trataban de conectar cos homes de ataque fronte a un Racing de Ferrol ben posicionado e dominador da posesión. O equipo de Arribas mostrou un traballo encomiable e un gran despregue físico, cunha presión alta e intención de roubar preto da área rival.

A ocasión máis clara chegou das botas de Julen Jon, nunha acción que puxo en alerta á defensa visitante. O Arenteiro tentaba imprimir velocidade e precisión no último pase, mentres o Racing de Ferrol gañaba presenza e profundidade a través de Pascu e Tejera, os máis activos en ataque. O esforzo dos visitantes tería premio pouco antes do descanso, cando Álvaro asinaba un auténtico golazo cun zurdazo directo á escuadra, imposible para Diego.

Na segunda metade, o Arenteiro mantivo a intensidade e o esforzo vistos no primeiro acto, mais o gol resistíase. O conxunto verde buscaba o tanto con insistencia, mais sería o Racing quen ampliaría a vantaxe cun novo tanto que caeu como un xerro de auga fría para os intereses locais.

O tramo final trouxo un carrusel de cambios en ambos equipos e a constante procura dos carballiñeses por recortar distancias, pero a fortuna non acompañou. A mellor ocasión chegou dende o punto de penalti, cando Mingo tentou bater a Perea, mais o gardameta departamental adiviñou as intencións do dianteiro e evitou o gol.

Con isto, o encontro concluíu en Espiñedo cun 0-2 final e derrota para o equipo de Jesús Arribas nun derbi galego intenso e con bo ambiente nas bancadas.

Noticias relacionadas