O Club Deportivo Arenteiro estreou a súa participación na Copa Federación cunha vitoria sólida por 0-2 ante a UD Barbadás, nun encontro dominado polo cadro dirixido por Jesús Arribas desde o primeiro minuto.
O equipo verde amosou personalidade, ritmo e compromiso nun campo complicado e ante un rival intenso, pero ao que soubo impoñer o seu xogo con claridade. A presión alta e a circulación rápida foron protagonistas nos primeiros compases, onde os visitantes impuxeron a súa superioridade técnica e táctica.
No minuto 16, Nacho Ramón adiantou aos de Arribas cun remate certero tras unha boa acción colectiva. Apenas seis minutos despois, o dianteiro asinou o seu dobrete, transformando cunha gran definición un penalti provocado por Mingo, que realizou unha gran xogada individual.
Xa na segunda metade, o Arenteiro mantivo o control do partido, realizando axustes e dando entrada a xogadores con fame e frescura. Markitos e Dani González saltaron ao campo en lugar de Nacho Ramón e Cuéllar, mantendo o ritmo e a intensidade ofensiva do equipo.
Especialmente destacado foi o partido de Mingo, un dos xogadores máis activos e determinantes no ataque verde: xerou múltiples ocasións, presionou sen descanso e demostrou unha actitude competitiva de máximo nivel durante todo o encontro.
Sen encaixar goles e con boas sensacións no xogo, o CD Arenteiro certifica a súa presenza na seguinte rolda da Copa Federación, sumando minutos valiosos e ofrecendo unha imaxe sólida nesta fase inicial da tempada.
Grazas á afección desprazada a Os Carrís polo seu apoio constante, un impulso clave para continuar camiñando xuntos nesta nova aventura.