Saltar al contenido
Portada » Novas » O Arenteiro cae en Talavera e os puntos quedan en El Prado

O Arenteiro cae en Talavera e os puntos quedan en El Prado

O Arenteiro cae en Talavera e os puntos quedan en El Prado

Derrota por dous goles a un dun CD Arenteiro que non logrou atopar as súas mellores sensacións ante o conxunto cerámico no Municipal de El Prado.

O encontro enfrontaba a dous equipos necesitados de puntos e confianza. Jorge Cuesta apostaba por un once xa consolidado, coa intención de manter a liña competitiva mostrada nas últimas xornadas.

A primeira metade resultou esixente para o cadro verde, diante dun rival sólido en defensa, intenso nos duelos e moi eficaz no xogo aéreo. As aproximacións locais atoparon resposta nunha zaga atenta e nun Alvin Abajas inspirado baixo paus. Pola súa banda, o Arenteiro buscaba progresar a través dunha construción ordenada, con Mingo como referencia ofensiva, destacando polo seu traballo de presión e recuperación en campo contrario. Con todo, as ocasións máis claras foron para o Talavera, que chegou ao descanso con mellores sensacións.

O regreso dos vestiarios trouxo un golpe temperán para os intereses verdes. O conxunto local adiantouse no marcador cun gran tanto de Molina, que culminou cun disparo preciso á escuadra tras unha deixada de cabeza na frontal da área.

O gol obrigou ao Arenteiro a dar un paso adiante. O equipo aumentou a súa presenza ofensiva e percorreu máis metros cara á portería rival, aínda que sen acerto nos últimos metros. Malia ao esforzo e á intención ofensiva, o marcador non se movería a favor dos visitantes. Pola contra, sería o Talavera quen ampliaría a vantaxe cun cabezazo de Sergio Moreno tras centro desde a dereita.

Cuesta moveu o banco en busca de frescura e reacción. Xa no treito final, un bo centro á área local acabou no fondo da rede, recortando distancias e establecendo o definitivo 2-1.

O Arenteiro pelexou ata o final, pero os puntos quedaron en El Prado nunha tarde na que o equipo non logrou atopar a súa mellor versión.

Noticias relacionadas