A sala de prensa do Estadio de Espiñedo acolleu esta mañá a presentación oficial dos novos xogadores do CD Arenteiro: Llácer, Eliseo Falcón, Dani González e Brais Val. Acompañados polo Director Deportivo, Joan Farías, os catro futbolistas transmitiron ilusión, compromiso e ambición de cara a unha nova tempada cargada de retos.
Brais Val: volta á casa e ilusión por medrar
Tras unha etapa complicada, Brais regresa a Galicia coa ilusión de formar parte dun proxecto sólido e en crecemento:
“Cando se dá a posibilidade de volver a casa despois dun ano difícil, e nun equipo que o fai tan ben como o Arenteiro, é algo que me ilusiona moito.”
O xogador salientou a importancia do traballo colectivo e a clara liña de traballo que marca o corpo técnico:
“O míster busca potenciar o colectivo desde o individual. Hai unhas directrices claras e o proxecto transmite ambición e orde.”
Brais destacou tamén a aposta polos xogadores novos e prometeu esforzo:
“Vexo moita calidade na xente nova, queremos facer un bo ano como equipo e medrar tamén a nivel individual. Tentarei axudar en todo o que poida e ofrecer o mellor do meu xogo.”
Dani González: saír da zona de confort e medrar
Dani chega ao Arenteiro decidido a dar un paso adiante na súa carreira:
“Estou mentalizado de saír da zona de confort. Creo que era o paso que debía dar.”
Describiuse como un xogador polivalente no medio campo e con vocación ofensiva:
“Adáptome ben a calquera posición no centro do campo. O gol sempre estivo aí, o ano pasado fixen moitos e espero poder sumar tamén aquí.”
O seu compromiso é claro:
“Veño para traballar e implicarme ao máximo. Quero medrar da man do equipo.”
Llácer: identidade, ambición e compromiso defensivo
O defensa destacou a progresión do club e o bo facer como vía de crecemento individual:
“Aquí, quen o fai ben, ten oportunidade de subir.”
Llàcer mantén intacta a ambición persoal e colectiva de cara a esta nova tempada:
“Este ano seguiremos coa mesma liña. Non renunciaremos a nada e buscaremos cumprir o obxectivo canto antes.”
Descríbese como un defensor con vocación ofensiva, sempre disposto a sumar en todas as facetas do xogo:
“Encántame sumarme ao ataque sen esquecer a nosa función defensiva. Quero achegar en todas as facetas do xogo.”
E remata cunha mensaxe clara sobre o espírito co que afrontan o novo curso:
“Queremos construír un bloque forte desde o inicio, cunha identidade clara e moita ambición desde o primeiro partido.”
Eliseo Falcón: experiencia e compromiso nun proxecto sólido
Eliseo mostrouse convencido da súa elección:
“A proposta foi ambiciosa desde o principio. Creo que chegar aquí foi unha gran decisión.”
Coa súa experiencia, Eliseo aspira a ser unha peza clave na liña defensiva do equipo:
“Considérome un bo defensor de área e creo que podo achegar desde a experiencia.”
Mostra plena confianza no potencial do proxecto:
“A idea do equipo, do club e da xente fixo que esta opción sexa perfecta para seguir medrando.”
E lanza unha mensaxe clara sobre o nivel da categoría e o compromiso do vestiario:
“Esperamos unha categoría moi dura, pero estaremos preparados para competir contra calquera.”
Joan Farías: estabilidade, planificación e ollada no mercado
O Director Deportivo mostrouse confiado co traballo realizado ata o de agora:
“Estamos tranquilos, estamos traballando para pulir moitas cousas.”
O director deportivo deixou claro que o club continúa moi presente no mercado:
“Mentres o mercado estea aberto, estou no mercado.”
Tamén explicou a importancia da pretempada para construír un bloque competitivo:
“Xa contamos cun equipo amplo. Hai outros equipos con moitos menos xogadores.”
Sobre nomes propios, referiuse ao salto de Alpha e á planificación da portería:
“Alpha deu un salto de categoría, agora depende del que a súa chegada sexa proveitosa.”
“A miña idea é ter tres porteiros, hai que estar preparados para todo.”
E concluíu con determinación:
“Seguiremos traballando para pechar o equipo segundo o plan trazado.”
Podes ver a presentación completa na nosa canle de Youtube: