O Municipal de Espiñedo foi o escenario da presentación oficial de Juanfran como novo adestrador do CD Arenteiro. Acompañado polo presidente, Argimiro Marnotes, o preparador iniciou a súa etapa no club cun discurso baseado na confianza, a responsabilidade e a convicción de que a permanencia segue sendo posible.
Juanfran chega ao banco verde xunto a Juan Carlos Gómez Díaz, que exercerá como segundo adestrador, nunha aposta da entidade por reforzar o liderado do equipo nun momento decisivo da tempada. A mensaxe do club foi clara: esgotar todas as opcións de salvación e competir ata o final.
Durante a súa intervención, Argimiro Marnotes quixo comezar cun agradecemento á masa social do Arenteiro polo apoio recibido nas últimas semanas. Así como recoñecer, tras a nova da súa desvinculación ao clube, o traballo realizado por Manuel Cid durante os últimos anos, destacando a súa contribución ao crecemento deportivo e institucional da entidade.
O presidente salientou tamén a traxectoria de Juanfran, tanto na súa etapa como futbolista como no seu percorrido posterior nos bancos, subliñando especialmente a súa capacidade de liderado e a experiencia á hora de xestionar vestiarios e situacións de presión.
Segundo explicou, o novo preparador conta cun método de traballo contrastado tanto nesta categoría como en niveis superiores, lembrando o éxito conseguido anteriormente en Lugo nun contexto deportivo complexo. Un perfil que, ao seu xuízo, encaixa co momento que vive o equipo.
Marnotes destacou ademais a incorporación de Juan Carlos Gómez Díaz como parte do novo corpo técnico, que se integrará co equipo de traballo xa existente no club. Ambos, asegurou, son profesionais de gran nivel nos que a entidade deposita plena confianza.
O máximo mandatario aproveitou tamén a ocasión para lanzar unha mensaxe directa á afección, animando á masa social a acudir ao estadio e apoiar ao equipo nun momento determinante da tempada.
Pola súa banda, Juanfran mostrouse ilusionado coa oportunidade e transmitiu un discurso optimista desde o primeiro momento. O novo responsable do banco verde asegurou que chega con responsabilidade, pero tamén coa firme convicción de que o Arenteiro pode manter a categoría.
Nos primeiros días de traballo recoñeceu atopar un vestiario afectado pola situación deportiva, aínda que destacou que a actitude cambiou rapidamente. Segundo explicou, percibe nos xogadores intensidade, ganas de competir e unha ambición clara por revertir a situación.
Para o novo adestrador, o grupo humano é unha das grandes fortalezas do equipo. Considera que existe potencial suficiente na plantilla para loitar pola permanencia e deixou claro que non haberá incorporacións, polo que a confianza está depositada plenamente nos futbolistas actuais.
Juanfran insistiu en que a clave pasa por que o equipo crea nas súas propias posibilidades e sexa capaz de rebelarse ante a situación clasificatoria. O obxectivo inmediato, explicou, é centrarse partido a partido, comezando polo seguinte compromiso, no que buscarán sumar os primeiros tres puntos desta nova etapa.
O técnico tamén puxo en valor o papel da afección, convencido de que a conexión entre grada e equipo pode ser determinante para cambiar a dinámica. Na súa visión, ese impulso colectivo pode converterse no primeiro paso cara á recuperación deportiva.
Con doce xornadas por diante, o novo proxecto arrinca cunha idea clara: construír un equipo fiable, autoesixente e solidario, capaz de competir ao máximo nivel e de loitar ata o final por manter ao Arenteiro na categoría.
Pódese ver completa na nosa canle de Youtube:


