Saltar al contenido
Portada » Novas » Juanfran: “Temos un obxectivo esixente, pero este equipo vai salvarse”

Juanfran: “Temos un obxectivo esixente, pero este equipo vai salvarse”

Juanfran: “Temos un obxectivo esixente, pero este equipo vai salvarse”

O novo técnico verde transmite confianza nun grupo que comeza a recuperar sensacións e que afronta o próximo compromiso coa ambición de dar un paso adiante na clasificación.

O CD Arenteiro afronta un novo compromiso ligueiro nun momento de cambio e renovación no banco. Juanfran García compareceu por primeira vez como adestrador do conxunto verde na previa do encontro, deixando clara a súa mensaxe de confianza nun plantel que, segundo explicou, está a recuperar ánimo, intensidade e competitividade nos primeiros días de traballo.

O técnico valenciano destacou a actitude mostrada polos xogadores desde a súa chegada, incidindo na importancia de fortalecer o aspecto mental nun momento delicado da tempada. “Hai que xerar autoconfianza, estamos seguros de conseguilo e a actitude e disposición son as mellores”, explicou o preparador, que considera clave que o equipo se rebele ante a situación actual. “No fútbol hai que rebelarse contra estas situacións. O imposible non existe”.

Juanfran tamén quixo poñer en valor a calidade do grupo, convencido de que o potencial da plantilla permitirá competir con garantías no tramo decisivo da tempada. “Son bos xogadores, iso témolo claro, e a súa calidade está fóra de toda dúbida”, sinalou, destacando ademais o cambio de ánimo percibido nos primeiros adestramentos. “En 24 horas cambiou o seu estado de ánimo e a súa disposición. Traballamos moito o anímico e o mental. Limpando iso, é máis fácil que entren os conceptos”.

Nos primeiros días de traballo, o novo corpo técnico centrou os esforzos en ofrecer mensaxes claras e directas ao grupo, evitando sobrecargar aos xogadores con cambios excesivos. “Neste momento non queremos marear á xente. Non imos ao técnico ou ao físico, senón a realizar un traballo específico e concreto”, explicou.

En canto ao plano deportivo, Juanfran asegurou que non pretende encadrar ao equipo nun único modelo táctico, senón adaptarse ás circunstancias que vaia presentando cada partido. “Moitas veces o posicionamento dos xogadores ofrécecho o propio momento do encontro”, indicou.

O técnico confirmou ademais que conta coa plantilla ao completo para afrontar o encontro, destacando o compromiso mostrado polos xogadores nestes primeiros días de traballo. “A xente está moi enchufada, queren adestrar máis e seguir con sensacións positivas”.

Con todo, Juanfran quixo deixar clara a meta que guía ao equipo neste tramo final da tempada: lograr a permanencia. “Este equipo está preparado para a meta. Temos un obxectivo esixente, pero este equipo vai quedar en Primeira RFEF”.

O adestrador tamén enviou unha mensaxe directa á afección verde, convencido de que o apoio de Espiñedo será clave nas próximas xornadas. “Se están xunto co grupo, se sumamos entre todos, vai ser moito máis fácil conseguir o que pretendemos”.

Coa ilusión renovada e a ambición de cambiar a dinámica, o Arenteiro prepárase así para un partido no que buscará recuperar as mellores sensacións e dar o primeiro paso na nova etapa que se abre no banco verde.

Noticias relacionadas

Benvido Juanfran

No día de hoxe, o Club Deportivo Arenteiro e Juan Francisco García «Juanfran» chegaron a un acordo para a súa incorporación como novo adestrador do