O equipo verde caía por dous a cero fronte ao Ourense CF.
O Club Deportivo Arenteiro chegaba a Oira co obxectivo de medir forzas ante o Ourense Club de Fútbol e conseguir unha praza na final da Copa Federación. Once cheo de habituais e máxima disposición para tratar de facerse co billete. En fronte, un rival que axiña golpearía por dúas ocasións, cos tantos de Camus, desde os once metros, e de Sanz a continuación.Desvantaxe no marcador e necesaria reacción nun partido de ida e volta con moito protagonismo no ataque aos espazos. O Arenteiro procuraba optimizar a súa chegada polos costados, con bos envíos cruzados sobre a área rival, cun Nacho Ramón moi vixiado en todo momento. Ferreiro como brúxula nos envíos, e Mingo como home máis perigoso, compoñían a receita coa que os verdes trataron de achegarse no marcador.
A segunda metade traería un equipo máis ofensivo, con bloque alto sobre o campo rival e a incorporación de Daniel Romera na punta de ataque. Os de Arribas buscaban o equilibrio, traballando tamén con eficacia en defensa para contrarrestar as chegadas azuis, menos numerosas pero igualmente perigosas nesta segunda metade.O equipo visitante engadiría cambios coa entrada de Félix e Adilson, e cargaría de efectivos a área rival na procura do gol. Jordan, cun bo disparo, e Romera en remate acrobático, achegaron as opcións dun equipo que non se rendía.Últimos minutos de pulo continuado sobre campo rival para loitar polas opcións restantes de perigo. O equipo carballiñés apurou opcións a través de chegadas rápidas e en poucos toques co obxectivo de sorprender a un rival que permanecería ordenado e ben organizado ata o asubío final. Co remate dos 90 minutos, turno para pensar na Liga que xa comeza.