O Club Deportivo Arenteiro caeu por dous goles a cero fronte ao filial madridista, malia realizar unha gran primeira metade na que mereceu mellor recompensa.
O Club Deportivo Arenteiro chegaba a Valdebebas coa misión de competir e esixir a un dos equipos máis en forma da categoría. Jorge Cuesta apostaba por un once de garantías, coa novidade de Martín Ochoa como referencia ofensiva e Daniel González actuando como enganche. O inicio dos verdes foi moi sólido, obrigando ao rival a espremerse ao máximo, combinando bo xogo e ocasións claras. As chegadas predominaban no cadro visitante, incluso cun tanto anulado a Martín Ochoa. Pola súa banda, o filial branco apenas xeraba perigo, máis alá dun remate ao traveseiro e algunhas aproximacións illadas, nun primeiro acto moi completo do Arenteiro.
Co paso dos minutos, a primeira metade consolidou o dominio visitante, aínda que sen éxito na definición. Martín Ochoa dispuxo de dúas ocasións moi claras, pero atopou a resposta dun porteiro inspirado, que se erixiu como protagonista con dúas intervencións de moito mérito a bocaxarro. Con mellores sensacións que cifras no marcador, os de Cuesta marchaban aos vestiarios coa convicción de merecer moito máis.
A segunda parte presentouse máis equilibrada, cun Castilla que introduciu varios cambios no seu once. O Arenteiro continuou xerando perigo, con remates claros e balóns ao pau, pero sería o conxunto dirixido por Arbeloa quen se adiantaría no marcador cun gol de Rachad, nun momento no que os locais apenas fixeran méritos para iso. Jorge Cuesta moveu o banco ao longo do encontro, reforzando un bloque que non perdeu a cara ao partido en ningún momento. As entradas de William, Mingo, Adilson, Julen e Llácer achegaron enerxía e frescura a un equipo volcado na procura do empate.
As ocasións seguiron acumulándose na área branca, cunha gran parada a remate de Mingo e un novo balón ao traveseiro, esta vez tras unha acción a balón parado de Llácer. O choque entrou entón nun tramo de ida e volta que acabaría favorecendo aos locais.
Xa nos minutos finais, un segundo gol de Palacios pechou o encontro, nun partido no que o marcador non fixo xustiza ao esforzo, á ambición e ao bo traballo dun Arenteiro que competiu de principio a fin.



