Empate amargo para un Arenteiro que rozou a vitoria grazas ao gol de Eliseo. O rival igualou no minuto 90.
Partido fundamental o que esta tarde disputaban en Espiñedo o CD Arenteiro e o Bilbao Athletic. Puntos clave en xogo para ambos, cun equipo de Jorge Cuesta que saltaba ao verde cun esquema de garantías, coa titularidade de Chuca na mediapunta, acompañado por Ferreiro e Cuéllar polas bandas, e con Mingo en punta. Os primeiros minutos foron eléctricos, cun encontro de ida e volta constante, condicionado pola choiva caída sobre o terreo de xogo e cheo de disputas e balóns divididos na procura do control do xogo. Jaume Cuéllar rozaba o primeiro tanto cun gran remate cruzado e, a continuación, era Chuca quen finalizaba ás mans do gardameta. Os minutos eran dos de Cuesta, que chegaban con maior frecuencia e calidade ca o rival, aínda que sen fortuna no remate final.
Co paso dos minutos, o encontro mantíñase aberto, nun duelo sen cuartel protagonizado polo xogo directo e as ocasións xeradas polos costados. As mellores aproximacións seguían sendo verdes: Bastida poñía a proba dende lonxe os reflexos de Mikel Santos, e Luca Lohr remataba frouxo tras un centro cruzado de Ferreiro dende a dereita. O asedio local era total e Eliseo, acto seguido, rozaba a vantaxe ao estrelar a súa volea no corpo do meta rival, o mellor dos vascos na tarde de hoxe sen ningunha dúbida. Cunha nova ocasión de Chuca, o primeiro tempo remataba con mellores sensacións ca resultado para os de Cuesta.
A segunda parte continuou cos ritmos vistos na primeira. Cuéllar e Ferreiro alternaban entradas polos costados, mentres Mingo realizaba un intenso traballo de presión alta sobre a saída rival na procura do roubo preto da área contraria. O labor de equilibrio de Brais e Bastida permitía ao cadro galego manter o seu nivel tanto en ataque como en defensa fronte a un rival que medraba co paso dos minutos. A entrada de Peio dotaba ao equipo de maior fluidez e velocidade na circulación e na chegada do balón a Ibai e Ibon. Nese momento, o conxunto de Aranbarri gozaría das súas aproximacións máis claras, mellorando as súas prestacións.
Jorge Cuesta movía o banco e daba entrada a Adilson, Dani González e Lluis na procura de osíxeno e pernas frescas en campo contrario. O equipo loitaba por manter o ritmo frenético do encontro. Recuperación e chegada en poucos toques como fórmula para romper as ordenadas liñas rivais. Os verdes adiantaban o bloque e concentraban un importante número de efectivos sobre a área rival. Os centros cruzados e as chegadas en segunda liña sucedíanse, cercando de novo ao filial zurigorri no seu propio terreo. O CD Arenteiro non baixaba os brazos e continuaba coa súa misión na procura do gol. Brais Val probaba dende longa distancia e volvía rondar un tanto máis que merecido.
O premio chegaría preto do final, cando Eliseo remataba con potencia un balón parado que acababa entrando tras varios intentos, empuxado polo xogador andaluz e por todo un estadio que berraba ao unísono. Porén, a felicidade non sería completa e, xa no tempo engadido, os bilbaínos aproveitaban un erro defensivo para empatar un partido que se escapaba entre os dedos.



