O CD Arenteiro sumou un empate insuficiente ante o Celta Fortuna nun encontro marcado polas decisións arbitrais e pola falta de fortuna nos momentos decisivos. O gol de Jordan adiantaba aos locais, pero o tanto final dos visitantes privaba aos verdes dunha vitoria que semellaba inevitable.
O conxunto de Juanfran regresaba a Espiñedo para afrontar un novo duelo clave na loita pola clasificación. Os verdes mantiveron o seu esquema habitual, coa volta de Mingo á titularidade e a presenza de Bilal pola banda dereita. En fronte, un Celta Fortuna en boa dinámica, ocupando postos altos da táboa e disposto a esixir ao máximo ao cadro local.
O inicio do encontro foi vibrante, con ocasións para ambos equipos, aínda que co Arenteiro como principal protagonista. As chegadas a través de balóns longos sobre Mingo e as combinacións entre Ferreiro e Moreno pola banda esquerda convertíanse nas principais vías de ataque dun equipo valente, que apostaba por adiantar liñas e presionar alto desde o primeiro momento.
A primeira metade tivo cor verde. Unha volea de Ferreiro tras pase de Diego e varios centros perigosos de Bilal estiveron a piques de abrir o marcador. O premio chegaría tras unha nova acción pola esquerda, na que Moreno, tras combinar con Ferreiro, enviaba un centro preciso ao segundo pau que Jordan remataba á rede. Gol merecido para un Arenteiro que continuaría xerando perigo ata o descanso, con ocasións claras de Mingo e un man a man de Bilal. Ademais, un tanto de Eliseo sería anulado entre dúbidas tras revisión arbitral.
A segunda metade mantivo o ritmo e a intensidade. Os locais continuaban xerando perigo por ambas bandas, con novas chegadas claras e sensación de control do encontro. Porén, o colexiado volvería ser protagonista ao anular un segundo gol ao Arenteiro, neste caso tras un remate de Mingo que culminaba unha gran acción colectiva. Decisión moi protestada que impedía ampliar unha vantaxe máis que merecida.
Co paso dos minutos, o Celta Fortuna gañou presenza con balón, aínda que o Arenteiro seguía dominando o encontro en termos xerais. Bastida desde a frontal e a insistencia de Mingo mantiveron a ameaza constante sobre a portería rival. O equipo combinaba con criterio e atacaba con decisión, mentres Molina e Chuca achegaban frescura desde o banco.
No tramo final, os verdes víronse obrigados a defender con oficio unha vantaxe que, finalmente, non puideron conservar. Nunha das últimas accións do partido, o Celta Fortuna lograba o tanto do empate, deixando sen premio a un Arenteiro que fixera méritos máis que suficientes para levar os tres puntos.
Desenlace cruel en Espiñedo para un equipo que competiu, dominou e loitou contra todo, pero que viu como a vitoria escapaba no último suspiro.

