O adestrador do CD Arenteiro compareceu na previa do encontro ante o CD Tenerife, líder da categoría, cun discurso claro: autocrítica polo sucedido en Talavera e ambición para responder en Espiñedo ante un dos rivais máis esixentes do campionato.
O técnico recoñeceu que o partido da pasada xornada non estivo ao nivel esperado. Foi, segundo explicou, un día gris tanto en xogo como en resultado, nun contexto no que o equipo tiña unha boa oportunidade para sumar ante un rival directo. A análise posterior serviu para detectar erros e corrixir aspectos concretos que non poden repetirse.
Pasada esa páxina, o foco está posto nun desafío maior. O CD Tenerife chega como primeiro clasificado, cun cadro de xogadores de alto nivel e rendemento contrastado. Un equipo completo, capaz de adaptarse a distintos escenarios e tamén ás particularidades de Espiñedo. Con todo, Cuesta insistiu en que o Arenteiro debe facer valer as súas propias fortalezas.
O preparador agarda unha reacción do grupo. Tras un luns de sensacións negativas, a semana foi devolvendo a enerxía ao vestiario, que desde o mércores xa transmitía outra actitude, consciente de que o sábado trae unha nova oportunidade. Ante equipos grandes, lembrou, tamén hai que sumar se se quere alcanzar o obxectivo final.
Nas áreas, sinalou, adoita decidirse este tipo de encontros. O conxunto insular conta con futbolistas determinantes nos duelos e cun potencial ofensivo que marca diferenzas. Mais Espiñedo debe ser un factor diferencial. Xogar na casa, coa afección empurrando, ten que notarse.
Cuesta lembrou que este club xa foi capaz noutras tempadas de superar en casa a equipos de entidade, e apelou a esa memoria recente como estímulo. Para competir ante o líder é necesario dar un paso adiante en todos os aspectos: intensidade, concentración, eficacia nas dúas áreas e aproveitamento das accións a balón parado.
En canto ao parte médico, o corpo técnico está pendente da evolución de Chuca. O resto do cadro, agás os xogadores sancionados, estará dispoñible para a cita.
O Arenteiro asume que o partido debe servir para recuperar a imaxe de equipo sólido e competitivo que xa amosou noutras xornadas, como no encontro en Avilés. Agárdase un duelo moi disputado, de máxima esixencia, no que os verdes sairán, como sempre, coa intención de pelexar polos tres puntos.
Porque, como resumiu Cuesta, un partido coma este ten que ser un estímulo colectivo, unha ocasión para reivindicarse e demostrar que en Espiñedo manda o Arenteiro.


