Saltar al contenido
Portada » Novas » Cuesta: “Os resultados axudan, pero seguimos tendo a responsabilidade de saír do descenso”

Cuesta: “Os resultados axudan, pero seguimos tendo a responsabilidade de saír do descenso”

Cuesta: “Os resultados axudan, pero seguimos tendo a responsabilidade de saír do descenso”

O CD Arenteiro afronta o compromiso desta fin de semana en Espiñedo cunha sensación ben distinta á de hai quince días. As dúas últimas vitorias deron aire ao equipo verde, melloraron o ambiente diario e reforzaron a confianza dun grupo que comeza a atoparse máis cómodo no xogo, aínda que sen perder de vista a realidade clasificatoria.

Jorge Cuesta recoñecía que os resultados recentes foron un impulso importante, especialmente polo contexto no que se produciron, pero advertía de que o equipo segue nunha situación esixente. O obxectivo inmediato pasa por seguir sumando para achegarse á permanencia e, se é posible, abandonar canto antes os postos de descenso, sempre cunha visión equilibrada do momento actual.

O rival desta xornada será o filial de Osasuna, nun encontro que se prevé tan igualado como a maioría dos da categoría. Dous conxuntos con números semellantes, que destacan pola competitividade e que se moven ben en escenarios de partido pechado. Cuesta destacou a fortaleza física do cadro navarro, especialmente nos duelos e nas accións defensivas, ademais da calidade individual que adoitan ter este tipo de equipos na liña máis avanzada. Un rival imprevisible, capaz de resolver encontros en poucos minutos, pero tamén de cometer erros que poden ser aproveitados.

Desde o punto de vista do Arenteiro, o foco está posto na evolución co balón. O equipo amosa unha mellor versión nesta faceta, algo que era unha das contas pendentes, sen deixar de lado a solidez defensiva que está a permitir competir en todos os partidos. A idea pasa por non limitarse a resistir, senón por ser cada vez máis perigoso en campo contrario.

No apartado de baixas, Alfa será ausencia por sanción, mentres que Jordan podería regresar se completa a semana con boas sensacións. O resto do plantel mantense dispoñible, á espera da evolución final antes do encontro. En canto ás decisións no once, Cuesta insistiu en que todo depende do contexto de partido, dos momentos e das necesidades que vaian xurdindo, cun grupo no que todos teñen opcións de participar.

Sobre a situación clasificatoria, o adestrador verde pediu calma e perspectiva. O partido é importante, máis non definitivo. O obxectivo segue sendo saír da zona baixa, pero sen converter cada resultado nunha cuestión dramática. A categoría é longa, cambiante e permite competir contra calquera rival, mesmo en escenarios nos que a priori non se contan puntos.

O filial de Osasuna, pese ás súas dificultades como visitante, presenta argumentos perigosos: velocidade en campo aberto, xente poderosa no xogo aéreo e capacidade para castigar en transicións. O Arenteiro buscará facer dano coas súas armas, mantendo o equilibrio e aproveitando as debilidades do rival.

Espiñedo volverá ser clave nun encontro no que os verdes queren pechar o ano cun novo paso adiante, consolidando a melloría e alimentando unha dinámica que invita ao optimismo, sen perder a ambición nin a responsabilidade do momento.

Noticias relacionadas

Sen premio en A Malata

O CD Arenteiro caeu por dous goles a cero ante o Racing de Ferrol en A Malata, nun encontro decidido polos tantos de Antón Escobar

Benvido Chuca!

O Club Deportivo Arenteiro fai oficial a incorporación de Víctor Moya Martínez «Chuca» (10/06/1997) para o que resta de tempada. O centrocampista de 28 anos