A sala de prensa do Estadio do Espiñedo acolleu esta mañá a presentación oficial de catro novas incorporacións ao plantel verde: Cuéllar, Adilson, Abajas e Mingo. Os xogadores chegan a O Carballiño cunha mensaxe clara de ilusión, ambición e compromiso, tanto no plano individual como colectivo.
Abajas, unha das caras novas, destacou o bo momento que vive o club:
«Sabemos que se trata dun club en crecemento e que pouco a pouco está facendo mellor as cousas».
«Creo que podemos achegar xuventude e capacidade a un vestiario que tamén conta con xogadores consolidados».
«Espero ofrecer o meu traballo e dar o mellor de min con esta camiseta. É unha boa oportunidade para min».
Mingo, pola súa parte, confesou ter claro dende o primeiro momento que quería vestir de verde:
«Cando souben da opción, tiven claro que quería vir aquí. Espero que sexa unha etapa de mellora e crecemento».
«É un reto, e agardo que a afección poida ver todo o potencial que teño como xogador».
«É o momento de dar un paso adiante e a miña intención é ser un xogador importante con goles e traballo».
No caso de Cuéllar, que regresa ao club, puxo en valor o ambiente e a conexión co Espiñedo:
«Como se vive o fútbol aquí e as sensacións que este campo me esperta foron claves para a miña volta».
«Aquí estou moi cómodo, séntese o fútbol e á afección sempre apoiando, e iso é clave para que o equipo medre xunto ao proxecto».
«Teño moitas ganas de volver desfrutar en Carballiño e de amosar o meu xogo nun estadio que sempre foi familiar para min».
Adilson explicou que xa tiña contacto previo co director deportivo e que iso foi determinante:
«Coñecía a Joan de hai tempo, e xunto co proxecto convencéronme para vir».
«Podo xogar en diferentes posicións e estou ao servizo do equipo para o que sexa necesario».
«Quero medrar e tamén que o equipo medre no colectivo. É importante que sexamos fortes na casa e que poidamos mellorar día a día».
Finalmente, o director deportivo Joan Farías valorou positivamente a situación do equipo:
«Aínda faltan algúns movementos e estamos preparados para afrontalos».
«O feito de que unha parte importante do plantel xa estea con nós axúdanos a concretar conceptos e situacións».
«O equipo ten que entenderse e traballar conxuntamente. Para nós é moi importante ter ao grupo funcionando con tempo de antelación».