Saltar al contenido
Portada » Novas » Bo punto en Espiñedo para un Arenteiro que mereceu moito máis

Bo punto en Espiñedo para un Arenteiro que mereceu moito máis

Bo punto en Espiñedo para un Arenteiro que mereceu moito máis

Empate sen goles en Espiñedo fronte ao Zamora CF nun choque no que os de Arribas mereceron a vitoria.

O CD Arenteiro regresaba a Espiñedo coa misión de prolongar a súa dinámica de xogo e resultados. Cun equipo de continuidade respecto ás pasadas xornadas, os verdes saltaban ao terreo de xogo coa misión de derrotar a un dos máximos favoritos ao ascenso de categoría, o Zamora CF. As primeiras ocasións caían do lado local, cun posible penalti a Dani González, e unha gran intervención por banda dereita de Richarte. Mellores os de Arribas no intercambio de golpes, as bandas convertíanse nas vías principais de entrada para os locais. Mingo gozaba dunha aproximación clara sobre marco rival, e o equipo mostrabase ambicioso no cometido. Bo traballo de equilibrio no medio con Bastida e Brais, e creación notable na zona de enganche con Ferreiro, Richarte e Dani González para arropar a Mingo en punta.

O paso dos minutos ofrecía un partido traballado, entre dous bloques ben asentados, con propostas diferenciadas. Os verdes buscaban as chegadas en poucos toques, con circulación áxil desde propia área, e a finalización ao espazo dos seus puntas. En fronte, os casteláns legaban a Carlos Ramos e Rufo as responsabilidades de xeración de xogo, tratando de aproveitar as ocasións a balón parado, nas que Diego e a zaga local conseguían impor a súa lei. Con mellores sensacións e achegamentos que o rival, o equipo despedía a primeira parte cun máis que probable penalti por man na área zamorana, que o colexiado desestimou finalmente tras revisión co VFS.

A segunda metade arrancaba intensa, con ambos equipos buscando o gol desde o inicio. Os de Arribas adiantaban liñas sobre campo rival e continuaban co asedio á meta de Fermín. Tras unha expulsión anulada por revisión co VFS, o control do Arenteiro nas mellores ocasións era total, con achegamentos claros a través de boas combinacións en carril interior, e con moita mobilidade en punta de ataque. O Zamora CF trataba de chegar a dominios de Diego García a través de balón cruzado, e acumulación de efectivos en zonas de remate, aínda que sen acerto suficiente en metros finais. A entrada de Romera e Ochoa dotaba ao ataque local de osíxeno e pernas en busca do triunfo.

Os últimos minutos ofrecían unha versión netamente ofensiva do CD Arenteiro, buscando os espazos ás costas da zaga rival. O conxunto vermello, coa entrada de Márquez, aumentaba as súas prestacións ofensivas e obrigaba ao conxunto galego a aplicarse a fondo para evitar o tanto rival. Martín Ochoa remataba desde o corazón da área un gran centro de Romera, e a piques estaba de conseguir o gol da vitoria ao fío da conclusión. A resposta zamorana, na cabeza de Farrel, que remataba a queimarroupa un bo centro desde a esquerda. Con mellores sensacións que resultado, e cun gol anulado a Ochoa, con altas dúbidas por parte do colexiado, finalizaba un encontro igualado, pero no que o CD Arenteiro mereceu máis.

Resultado final: CD Arenteiro 0 – 0 Zamora CF

Noticias relacionadas