Saltar al contenido
Portada » Novas » Bastida, Lohr, Julen Jon, Ochoa, Moya e Richarte xa posan de verde

Bastida, Lohr, Julen Jon, Ochoa, Moya e Richarte xa posan de verde

Bastida, Lohr, Julen Jon, Ochoa, Moya e Richarte xa posan de verde

O CD Arenteiro viviu no Estadio de Espiñedo a presentación dos seus últimos reforzos por agora: Bastida, Lohr, Julen Jon, Ochoa, Moya e Richarte. Os seis futbolistas posaron coa camiseta verde e compartiron as súas primeiras impresións como xogadores do club, acompañados polo director deportivo, Joan Farías.

Farías destacou o valor de cada fichaxe, incidindo na mestura de xuventude, calidade e capacidade de proxección: “Bastida vén da canteira do Cádiz, é internacional e daranos moito equilibrio. Ochoa pode aportar mobilidade e gol. Moya, canteirán do Mallorca, pode actuar como central e mediocentro, e chega cedido polo Cartagena. Luca é un central duro, con bo físico e xogo aéreo. Con Richarte sumamos unha banda eléctrica e hábil a perna cambiada. E Julen é un atacante polivalente, con pase e visión de xogo, que seguro seguirá medrando”.

Bastida, que vivirá a súa primeira experiencia fóra da súa casa, mostrouse ilusionado: “Creo que me vai vir ben en todos os aspectos. Son un xogador de percorrido, con chegada e vexo esta oportunidade como un reto para axudar ao equipo”.

Pola súa parte, Ochoa definiuse como un dianteiro de traballo e mobilidade: “Veño para aportar gol e intensidade. O ano pasado foi unha etapa de aprendizaxe e agora síntome máis preparado. Diego faloulle moi ben do club, e iso tamén me axudou a decidir”.

O canteirán do Mallorca Moya, cedido polo Cartagena, sinalou a súa versatilidade: “Podo adaptarme a varias posicións, tanto en defensa coma no medio. Adaptei rápido e vin un grupo moi unido. Teño moitas gañas de aprender dos veteranos e sumar ao equipo”.

O central alemán Luca Lohr tamén se mostrou motivado: “Espero que esta etapa sexa unha oportunidade para crecer e consolidarme na categoría. O míster xa me coñecía e convencéume. Vexo este ano como unha gran oportunidade para mellorar”.

Richarte, xogador de banda, destacou a confianza recibida polo club: “Foi doado chegar a un acordo porque confiaban en min. Veño buscando un salto na miña carreira, gústame desbordar, asociarme e buscar portería. Sexan os minutos que sexan, vou deixalo todo no campo”.

Finalmente, Julen Jon celebrou a súa chegada a Espiñedo: “Coñezo o club e a súa afección, que sempre arroupa. Quero desfrutar no campo, traballar día a día e estar disposto a sumar na posición que sexa. Esta categoría é dura, pero tamén moi bonita, e só unidos conseguiremos que o equipo e o club sigan medrando”.

Con estas incorporacións, o Arenteiro reforza todas as súas liñas e encara con ambición unha tempada que se presenta esixente pero chea de ilusión.

Poder ver a presentación completa na nosa canle de YouTube:

Noticias relacionadas