Farías: “Conseguíronse activos que xeren rendemento para o club”
O director deportivo do CD Arenteiro, Joan Farías, fixo balance do mercado de fichaxes tras o seu peche. Cunha tempada esixente por diante, destacou que os obxectivos se cumpriron: un plantel equilibrado, con talento e aposta polo futuro do club.
“O mercado foi o máis longo ata agora. Estou contento, conseguimos o perfil de xogadores que buscabamos. Foi un bo mercado”
Farías incidiu en que a prioridade foi formar unha plantilla ampla, con xogadores novos e en propiedade do club, co obxectivo de competir ao máximo nivel e acadar rendemento tanto deportivo como económico.
“Agardamos que os Sub23 teñan protagonismo, como na liña de Mingo. Temos xogadores en propiedade nos que confiamos, esa é a idea”
Sobre a posición de terceiro porteiro, indicou que será cuberta con xogadores da zona e da canteira, sen preocupacións adicionais. Tamén informou da situación médica de varios futbolistas:
- Iván Muñoz: de baixa médica, continúa o proceso de recuperación.
- Solís: xa traballa co grupo e podería reincorporarse nun prazo de dúas semanas.
En canto ás novas incorporacións, subliñou o potencial de Luca Lohr e Moya, a boa integración de William de Camargo e explicou a situación de Caio, que saíu do equipo ao recibir unha oferta doutro club.
“Luca Lohr tiña moitas ofertas, xa o quixera traer antes. É un xogador con potencial e recibimos moi ben a súa chegada. De Camargo está adestrando a gran nivel e está apto para xogar”
Respecto ás baixas, o director deportivo deixou claro que todas foron comunicadas con tempo e que se tomaron en base ao interese do club, mesmo no caso de xogadores históricos como Marcos, cuxa ficha foi necesaria para reforzar o centro da defensa.
“Entendo e respecto opinións, pero estou traballando. Son decisións difíciles. Desexo moita sorte aos que saíron, o xogador ten que xogar”
Ademais, valorou a chegada de Jon, un futbolista coñecido na casa, cun contrato de dous anos e chamado a achegar calidade e proxección á plantilla.
Para Farías, o traballo realizado ten un obxectivo común: manter a categoría e garantir a sustentabilidade do proxecto.
“O club sempre será da xente. Se a xente non vén ao campo, todo perde sentido. Temos que crecer, ter activos atractivos que dean valor engadido. Competir nesta categoría require esforzos moi altos, pero o traballo feito axuda a manter o nivel”
Podese ver aquí, a comparecencia completa: