O Arenteiro plántalle cara ao Zamora pero non consegue marcar (1-0)

O C.D. Arenteiro formaliza a súa primeira derrota como visitante durante toda a tempada fronte a un duro rival como é o Zamora C.F. Os de Javi Rey foron aumentando de intensidade a medida que se desenvolvía o encontró e iso notouse. Porén, un gol de Charly antes do primeiro cuarto de hora sentenciou o resultado final. A ocasión máis clara por parte dos verdes tívoa Pibe, pero non puido ser.

Previa

Os de Yago Iglesias xogaban na casa despois de tres xornadas sen ser derrotados. A última, fronte a Ximnástica. Loitarían polo play-off no Estadio de Ruta de la Plata fronte o C.D. Arenteiro.

O equipo de Primeira RFEF aterraba en terras zamoranas tras a súa segunda derrota na totalidade da liga contra o Langreo. Con este, só quedan tres partidos para finalizar unha tempada que para o C.D Arenteiro quedará para o recordo.

Primeiro tempo

Os locais saíron ao campo coa intención de dalo todo e conseguir xogar o play-off. Silva foi o primeiro en lanzar, pero Adrià impediulle marcar sen dificultade. Un par de minutos despois, o protagonismo tívoo Manín, que loitou por un contraataque despois de que Manu Viana avanzara cara o gardameta visitante.

Sen moito tempo entre unha xogada e outra, Charly, o galego e ex do Bergantiños que milita no equipo zamorano, inaugurou o marcador. Un remate que chegaba a Rojas dende o lado dereito sentenciou o 1-0 a prol do Zamora C.F.

Porén, o Arenteiro non baixou o ritmo. Superada a media hora, dous corners consecutivos xeraban ocasións de empate para os visitantes. Non puido ser antes do descanso.

Segundo tempo

Tras o paso por vestiarios e sen trocos, o Arenteiro protagonizaba a primeira chegada da segunda parte. Un libre directo de Jordan. Javi Rey moveu ficha e colocou no campo a Álex Fernández e David Álvarez por Mario e Rafa Mella.

Fortalecidos os verdes, nas filas do Zamora xa se notaba o cansazo. Ambos adestradores buscaban cambiar o ritmo. Javi Rey optou por tres dos habituais: Pibe, Markitos e Escobar. Yago Iglesias fixo saír ao terreo de xogo a Vallejo e Ander.

Máis rápidos e inquietando aos locais, os verdes buscaban unha oportunidade malia que xa non se xogaran nada. Pibe intentouno, coma sempre, e golpeou o coiro coa intensidade característica. A máis clara, un disparo dende os trinta metros. Porén, hoxe non quería entrar a favor dos verdes e Troya tamén o impedía. As novas incorporacións do Zamora tamén fixeron o seu. Ander mandou o balón cara Adrià, que logrou detelo.

Os últimos compases non deron moito máis, agás unha nova ocasión para o C.D. Arenteiro froito dunha falta. Os de Yago Iglesias celebraron a súa necesitada vitoria. O C.D. Arenteiro volveu a casa para preparar o próximo partido fronte o Guijuelo en Espiñedo o domingo as 12:00h.

Palabra de adestrador

Javi Rey, adestrador do C.D. Arenteiro, recoñeceu o esforzo do Zamora C.F. especialmente durante a primeira parte: “o Zamora saíu moi ben nos primeiros trinta minutos, encantoume. Estivo moito mellor que nós. Hai que valorar o que fai o rival e felicitalo.”

Sobre a dinámica do encontro asegurou unha clara división entre os dous tempos: “na segunda igualouse moito o partido. Tivemos opcións cara o final: o tiro de Pibe dende os 30 metros e a falta no desconto.”

Porén, Javi Rey sinala o lado positivo do seu equipo: “creo que o equipo, a pesar de que a nivel clasificatorio non nos estamos xogando nada, competiu ben e voume contento por iso aínda que tamén un pouco fastidiado polo resultado.”

Zamora C.F.: Troya, Galas, Luismi, Silva, Theo, Prada, Dani Hdez. (Álex Ares, min.86), Pau (Ander, min.62), Sancho (Panadero, min.83), Manu Viana (Vallejo, min.62) e Charly (Ribeiro, min. 83).

C.D. Arenteiro: Adrià, Mario (Álex Fernández, min. 55), Ger, Álex Conde (Pibe, min.62), Rafa Mella (David Álvarez, min.55), Cruz, Pereiro, Joseca, Manín (Antón Escobar, min.62) Lamelas (Markitos, min.62) e Jordan.

O árbitro, Morona Del Campo, do comité madrileño. Amonestou con cartóns amarelos a Prada no min.90 dos locais e a Jordan (min. 61), Álex Fernández (min.66) e Escobar (min.83).

Leave a Reply