Loitar e ganar é o que fixo o Arenteiro no templo fronte ao Palencia

Unha tarde de frío en Espiñedo na que se percibiu o lume no terreo de xogo e na bancada coa vitoria do líder unha vez máis. O Palencia Cristo Atlético, un dos equipos menos goleados da categoría, tiña estudado ao Arenteiro e asi o demostraron os de Chuchi Jorques ao longo do encontro. Porén, un gol de Pibe nos últimos minutos deulle o triunfo aos verdes que conseguiron o seu obxectivo: acabar o día con 50 puntos.

Previa

O Palencia chegaba a Carballiño na sétima posición (33 puntos) coa intención de plantarlle cara aos primeiros da táboa despois de enfrentarse xa na Balastera. Alí os do Arenteiro en condición de visitantes marcharon con tres puntos grazas a un gol de penalti de Álex Fernández. O adestrador, Chuchi Jorques, non podía contar para o partido da segunda volta cos lesionados Herrera, Ali e Mario.

O C.D Arenteiro xa botaba de menos ao seu xogador número 12. Tras dúas xornadas consecutivas actuando fóra do templo, os de Javi Rey buscaban afastarse aínda máis dos seus rivais próximos e sumar o correspondente dun partido ganado. O último empate contra o Avilés e a vitoria en Oviedo mantivo aos verdes no que xa é o seu lugar, arriba (47 puntos).

Primeira parte

O comezo do encontro xa indicaba que non ía ser fácil para os locais. As bandas do Palencia estaban ben pechadas, mais tamén se dispuñan no ámbito ofensivo. Porén, sen oportunidades claras nos primeiros minutos, foron os de Javi Rey os que se estrearon en lanzar a porta. Fíxoo o capitán dende a frontal da área no 18 empurrado polos aplausos da afección. Non puido ser e o coiro marchou arriba.

Outra falta perigosa tívoa Markitos. Bateu nesta ocasión o balón contra a barreira dos Palencia e reclamábase un penalti por contacto con Ale. O colexiado non o contemplou así e o Arenteiro seguiu coa súa misión.

No final do primeiro tempo, un remate de Adri Cruz tras o centro de Joseca e unha falta que tirou Pibe puxeron o broche antes de marchar a vestiarios. Un preludio do que sería a segunda parte e na que destacarían os verdes despois dun comezo de encontro marcado polas interrupcións.

Segunda parte

Os de Javi Rey, máis motivados e sumando ocasións, loitaron contra unha das oportunidades do rival propiciada por un antigo xogador do cadro do polbo mecánico, Adri Castro. Porén, non deixaron de lucirse os verdes cun par de accións impulsadas por Pibe. Unha delas, que tiña a intención de aproveitar Markitos, foi despexada pola defensa do Palencia. A outra case remata en gol en propia dos palentinos.

Avanzaron os visitantes nunha contra que Montes intentou reflectir nun luminoso con resultado a favor. Non o conseguiu, pois o coiro acabou nas mans de Diego García. Seguían atacando os da casa e de novo Pibe no 77 disparou un balón que pegaba nun defensa e tocaba o poste.

Tras moitos sustos para os palentinos, o dorsal número 11 volveu intentalo. No 82, unha falta lateral de Pibe axustada entra polo segundo pau e acaba nun gol celebrado por todo o alto, como se merecía. Quedaban preto de dez minutos e os tres puntos estaban cada vez máis preto. Ger e Álex Fernández atentos de non deixar ningún oco baleiro e Escobar avanzando de novo cara a área dos visitantes. Demostraba o Arenteiro non darse por vencido e por suposto, os motivos polos que son os eternos vencedores. Soou Princesas en Espiñedo e iso só podía significar unha cousa: un partido máis ganado, 50 puntos.

Palabra de adestradores

Chuchi Jorques, á cabeza do Palencia Cristo Atlético, apuntou que o seu obxectivo neste momento era salvarse e que o encontro veu determinado polas áreas: “O Arenteiro é bo na defensiva e na ofensiva”. Destacou a acción do adestrador Javi Rey, que “foi capaz de dar continuidade a todo o bo que fixo Fran”.

Javi Rey, do CD Arenteiro, só tiña boas palabras. “O que depende de nós fixémolo contra un equipo moi difícil, cun equipo moi forte a nivel defensivo”. Dáballe importancia aos 50 puntos que suman os verdes neste momento da liga e animaba a desfrutar aos xogadores. “Merécense desfrutar. O derroche que fan en todos os partidos é espectacular”. Malia que o luns xa se porán a traballar para o partido contra o Valladolid, non se esqueceu de mandar unha mensaxe: “Felicito a todo o mundo que forma parte do CD Arenteiro porque esta tempada está sendo espectacular.”

Ficha técnica

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Jordan, Germán, Vitra, Joseca (Mario, min 84), Álex Fernández, Adrián Cruz (Curro, min 75), Romay (David Álvarez, min 68), Pibe (Álex Conde, min 84), Markitos (Rafa Mella, min 75) e Antón Escobar.

PALENCIA CRISTO ATLÉTICO (0): Guillermo, Mingotes, Yago, Israel, Montes, Cobo (Rafa Gómez, min 75), Abel Conejo, Arroyo (Vivito, min 83), Dieguito, Ale Hernández (Adri Pérez, min 59) e Adri Castro (Duque, min 75).

ÁRBITRO: Álvarez Ordóñez, do comité asturiano. Amonestou con cartóns amarelos no CD Arenteiro a Vitra e Álex Fernández. Nos visitantes a Adri Castro e Ale.

Leave a Reply