O CD Arenteiro aproba o inicio dos trámites para a súa conversión en Sociedade Anónima Deportiva
A masa social do CD Arenteiro aprobou hoxe o inicio da conversión do club en Sociedade Anónima Deportiva (SAD) durante a Asemblea Extraordinaria celebrada no Auditorio Manuel María do Carballiño e á que acudiron máis de 200 persoas. A votación contou con 116 votos a favor, 9 en contra e 6 abstencións dos socios e socias do club. O presidente da entidade, Argimiro Marnotes, destacou na súa intervención que esta decisión representa “a mellor vía para asegurar que o Arenteiro siga competindo a nivel nacional con garantías”.
Subliñouse tamén que a transformación en SAD xorde do crecemento do club e das súas necesidades económicas. Así, na data de hoxe, o C.D. Arenteiro aproba a posibilidade de recibir achegas da masa social existente e terceiros, que serán transformadas en accións, en función do proxecto de conversión a presentar. Con esta decisión garántese un “pulmón económico” para o club, así coma a profesionalización da súa xestión, coa intención de asegurar un proxecto sostible para os próximos anos.
A maiores, para preservar a identidade do club e a súa viculación co Carballiño, estableceranse cláusulas de protección da Sociedade Anónima Deportiva C.D. Arenteiro, como a permanencia da sede social, a celebración dos encontros na vila, o desenvolvemento do fútbol base e feminino e a limitación da venda especulativa da SAD nos primeiros anos.
Nesta xornada informouse tamén do estado no que se atopan no Concello do Carballiño os proxectos de posible ampliación do Estadio de Espiñedo e de posible construción dun novo Estadio na Uceira. Nesta liña, o CD Arenteiro busca consolidar o seu crecemento e manterse como un referente no fútbol galego e nacional, asegurando un proxecto ambicioso, sostible e fiel á súa identidade.