O Burgos asenta un golpe de realidade ao Arenteiro (1-3)
Arenteiro: Pablo Brea, Ger, Javi Moreno, Pol Bueso (54′ Pibe), Berardozzi (54′ Jordan), Tiago, (68′ Álex Fdez), Esquerdo, Iván Ramos (68′ Vitra), Chacón, Álvaro Ramón, Juan Delgado (54′ Manín).
Burgos: Badiashile, Navarro, Elguezabal (64′ Sancris), Sierra, López-Pinto (64′ Querejeta), Appin (84′ Mora), Atienza, Andy, Bermejo (77′ Ojeda), Ander Martín, Espiau (77′ Fer Niño).
Mes e medio máis tarde o Arenteiro voltou a saborear a derrota. E, como ben apuntaban ambos adestradores, foi máis mérito do Burgos que demérito do cadro local. Un Burgos que supo adaptarse ben ao Espiñedo desde o primeiro minuto. E que tan só tardou 7 minutos en adiantarse por medio dunha obra de arte de Bermejo. O Arenteiro foi quen de sacudirse o dominio inicial e ata logrou empatar grazas a unha gran cabalgada de Iván Ramos, pero un novo tanto de Bermejo logo dun saque de esquina a favor dos verdes volveu a adiantar aos visitantes xusto antes do tempo de lecer.
No segundo tempo o Burgos mellorou e logrou sentenciar a eliminatoria co gol de Appin no minuto 54, xusto cando Javi Rei ía facer un triple troco. O Arenteiro, que nunca se rinde, intentouno ata o final e ata logrou marcar por medio de Ger, pero o colexiado anulou o tanto por man.
Só queda felicitar ao Burgos por acadar xustamente a clasificación á seguinte rolda e aplaudir ao Arenteiro por volver a ser quen de participar na Copa do Rei e superar a primeira rolda por tercer ano consecutivo.