O Arenteiro bate récord de goles no último partido en Espiñedo da tempada (5-1)

A xornada inaugurábase cunha emotiva homenaxe á base do C.D. Arenteiro e aos novos equipos conformados o último ano: o seu filial, Arenteiro Promesas e o sénior feminino. O trofeo de campións de 2º RFEF entregábase tamén polo presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, antes de dar comezo a un encontro que puxo o colofón da tempada de ouro do C.D. Arenteiro. Cinco foron os goles que encaixou o Guijuelo. Na primeira parte, Pibe e Rafa Mella deixaron o marcador a favor dos locais. Tras o descanso, foron Escobar, Markitos e Manín os que determinaron o resultado. Os de Mario Sánchez conseguiron traspasar a portaría de Adrià nunha ocasión a través de Coque.

Previa

O C.D. Arenteiro non fóra capaz de sumar nas últimas dúas xornadas malia proclamarse como campión a falta de catro partidos para o final da tempada. Porén, os de Javi Rey demostraron unha vez máis que o dominio no terreo de xogo, ségueno a ter os verdes. A motivación era plena nun día especial no que se entregaba o trofeo de campións e se conmemoraba todo o esforzo e traballo continuo. Espiñedo volvíase encher, esta vez cunha parte da bancada reservada para unha afección especial: os rapaces e rapazas da base, o filial e o sénior feminino. Unha base que viu incrementada o número de fichas considerablemente con respecto as cifras prepandemia. Outro logro máis do C.D. Arenteiro.

O C.D. Guijuelo chegaba a terras carballiñesas despois de perder a pasada semana fronte a Ximnástica. O encontro fronte o C.D. Arenteiro era decisivo nunha categoría competitiva como a 2º RFEF onde os equipos máis próximos na táboa loitan polo play-off. Con 53 puntos, debátense a posición coa S.D. Compostela, o Valladolid B e Real Avilés CF.

Primeira parte

Un acto emotivo para a familia do C.D. Arenteiro inaugurou a xornada. Presentación da base, entrega de trofeo de campión da 2º RFEF e dobre corredor. Tras un momento que quedou inmortalizado para a historia, as 12:00h daba inicio ao último encontro dos locais no templo. Saíron dominando os de Javi Rey mentres o Guijuelo se quedaba atrás en ritmo.

Os verdes levaban a batuta, pero Toti intentou atacar cun primeiro disparo que pronto se converteu en nada comparado co perigo que logrou xerar Joseca na área do Guijuelo. Cando pasaran a penas 10 minutos, o andaluz, vaise de Piojo, toca David Álvarez e Lamelas intenta un lanzamento que se desvía.

Pola parte do rival, probou sorte Garban dende a esquerda pero tampouco o conseguiu. Aproximándose xa a media hora de partido e con outra ocasión do C.D. Arenteiro por Pibe, finalmente o coiro entra a favor dos verdes dende unha falta a prol dos locais tirada polo arxentino. Disparo e gol pola escuadra, 1-0.

Non foi o único antes do descanso. O Arenteiro, moi cómodo no campo, sentenciou o 2-0 grazas a Rafa Mella, que recibiu o coiro e sen dubidalo tirou. Completo acerto, celebración e a vestiarios.

Segunda parte

O segundo tempo comezou con tres trocos nas filas do C.D. Guijuelo. Entraban no terreo de xogo Florez, Caramelo e Álex para outorgar un cambio necesario no marcador. Porén, o Arenteiro tiña claro que quería xogar o seu. Lamelas volveu lanzar e aínda que este rematou nas mans de Johan, preludiaba unha próxima anotación. O terceiro gol foi autoría da Quenlla de Nigrán, de Escobar.

Os de Mario Sánchez non querían renderse. Caramelo intentouno pero o balón foi alto. Chegou o tanto por parte de Coque que aproveitou un centro dende a dereita coa cabeza para perforar a portaría de Adriá.

Pouco lles durou a celebración aos visitantes. Javi Rey incluira xa a Markitos e Manín no terreo de xogo e escasos dez minutos despois, xa no minuto 75, Markitos fixo súa unha pelota que pasou por riba de Aizpiri. O seguinte e derradeiro gol, obra de Manín, cando quedaban cinco para o final.

Aínda se poñían as cousas peor para o Guijuelo a parte do resultado. O cadro salmantino perdeu a Santi Perea por dobre amarilla. Expulsión antes do tempo de desconto e unha volta dura a casa. Un 5-1 ante o Arenteiro que deben dixerir. Un partido máis e o Guijuelo segue dependendo de si mesmo para estar no playoff.

En Espiñedo soou outra vez Princesas. Última da tempada en Espiñedo. A fin de semana que vén, dúas citas importantes: o sábado os verdes enfrontaranse ao Polvorín no Anxo Carro e o domingo, festa no Carballiño para conmemorar o remate desta tempada única.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO: Adriá, Rafa Mella, Dani Pereiro, Pol Bueso, Joseca (Mario, min 53), Álex Fernández (Romay, min 60), Curro, Pibe (Manín, min 53), David Álvarez (Álex Conde, min 53), Martín Lamelas (Markitos, min 60) e Antón Escobar.

CD GUIJUELO: Johan Guzmán, Piojo (Álex Lorenzo, min 46), Santi Perea, Carlos Rubén (Flórez, min 46), Coque, Aizpiri, Willy (Álex Caramelo, min 46), Toti, Garban, Pepe Carmona e Giráldez. 

ÁRBITRO: Agudo Daza, do comité asturiano.

Leave a Reply