Oportunidades que se materializan en vitorias. Así foi o CD Arenteiro – CD Laredo(1-0)

O CD Arenteiro celebrou onte de novo unha vitoria onde máis lle gusta, na casa. Os de Javi Rey enfrontábanse ao CD Laredo, que malia atoparse en postos baixos da clasificación, acumulaban cinco xornadas sen ser derrotados. Non puideron manterse contra o polbo mecánico, que un domingo máis demostrou ser superior e puxo o marcador ao seu favor cun gol de Pibe no minuto 77.

Previa

O CD Laredo chegaba a Espiñedo despois de cinco xornadas mantendo a cero a súa portaría. A pasada semana poñíase por diante da RS Gimnástica cun gol de Iván Argos en San Lázaro.

O CD Arenteiro en posición de líder xogaba en Espiñedo tras a vitoria no último encontro fronte ao Real Valladolid Promesas (0-2). Afastábanse nove puntos do seu rival máis próximo. O club decidiu nesta ocasión repartir 600 entradas de balde entre os centros educativos da contorna do Carballiño e Ribeiro para que os rapaces desfrutasen da experiencia dun partido do CD Arenteiro no templo. 

Primeira parte

Non lle deu moito tempo aos xogadores a asentarse no terreo de xogo cando, un salto no que se golpearon dous rivais fixo interromper o encontro ao colexiado durante catro minutos. Sanmi tivo que ser atendido por un corte na cella e o partido continuou.

Fíxoo cunha primeira oportunidade dos locais da man do rápido Joseca polo carril esquerdo con Markitos. Pouco tardaron en intentalo de novo os verdes. Pibe poñíalle o coiro a Escobar buscando un remate que se foi alto pero que xeraba perigo na área dos cántabros.

Avanzaron minutos despois os de Zurimendi cara a portaría de Diego García. Cañizo a pase de Carral esvarábase e realizaba un disparo ao lateral da rede.

Contraatacaba o Arenteiro con outro centro de Joseca que remataba Pibe e se perdía contra a defensa do Laredo. Sen moito perigo, Sanmi e Carral intentaban chegar a Diego García. Con tranquilidade, o porteiro titular dos verdes, observaba un balón que marchaba fóra e outra ocasión que sacaba sen dificultade.

Volvía a pelota a área contraria grazas aos saques largos habituais do gardameta do Arenteiro e materializábanse en tres tiros á porta presidida por Puras deforma consecutiva. Ger, Escobar e Pibe lanzaron o esférico coa forza que transmitía a bancada pero non lograba entrar.

A poucos minutos de rematar o primeiro tempo, un saque de esquina a prol dos locais que sacou Pibe foi recuperado por Ger que disparou e topou con Pareja. En tempo de desconto, cando xa parecía que o empate se mantería ata despois do descanso, apareceu un Joseca intratable que lle poñía un centro a Escobar que mandou fóra.

Segunda parte

Despois do paso por vestiarios e un par de cambios de Zurimendi, o ritmo mantívose alto. Tiveron que transcorrer dez minutos para que se vise un achegamento do líder. Un centro de Romay que ninguén acertou a rematar. Intentouno Escobar pouco despois ante un balón posto por Pibe que non conseguiu colocar.

O CD Arenteiro demostraba que a súa posición na táboa non era cuestión de sorte e fraguaban oportunidades continuamente. Entraron no terreo de xogo Cruz, David Álvarez e Manín para non perder intensidade.

Finalmente chegou o que toda a afección estaba desexando: un gol do Arenteiro. Pibe fíxose co balón ante Pareja e lanzouno rozando o pau cunha ovación de fondo que xa era celebración. Era o minuto 77.

Quedaba pouco para finalizar o encontro e os de Javi Rey aínda tiveron un par de ocasións máis da man de David Álvarez e unha perigosa falta que tirou Cruz e marchou alta. Os cántabros intentaron abrirse camiño con Ivan Argos, como xa o fixera a semana pasada fronte a Gimnástica, pero a defensa local non deixaba ningún oco baleiro.

Pitou final o colexiado cando xa se anunciara a derrota do Compos, segundo na clasificación, no Vao fronte ao Coruxo. Colle así máis distancia o Arenteiro, a doce puntos, sumando tres merecidos na vixésimo quinta xornada.

Palabra de adestradores

Zurimendi, adestrador do CD Laredo facía unha análise do encontro : “han sido superiores y creo que han merecido la victoria más por el primer tiempo que por el segundo”.

Sobre o momento no que se materializou o gol da vitoria sinalou: “en el momento del gol creo que estábamos con sensación de poder ganar. Excepto la velocidad en el duelo individual de Joseca no teníamos ninguna otra amenaza. El gol ha sido un error manifiesto de los nuestros.”

Javi Rey, adestrador do CD Arenteiro celebraba o triunfo tendo en conta o ritmo desta xornada: “O Arenteiro insistiu moito ata que tivo o premio do gol”. Sobre o equipo rival destacou que son xogadores “moi directos, moi físicos, aos que é difícil xerarlle e nós xeramos dúas, tres ocasións claras de gol na primera parte e na segunda fomos superiores.”

En relación á distancia na clasificación: “nós centrámonos sempre no que depende de nós. As posibilidades do Arenteiro pasan por Espiñedo e o ambiente que había era magnífico”. A partir do luns poñeranse a traballar no próximo partido en Santander.

FICHA TÉCNICA

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Germán, Vitra, Pol Bueso (Jordan, min 71), Joseca, Álex Fernández, Curro (Adrián Cruz, min 58), Pibe (Rafa Mella, min 80), Romay (Manín, min 58), Markitos (David Álvarez, min 58) e Antón Escobar.

CD LAREDO (0): David Puras, Diego Marta, Pareja, Ojeda, Chus Puras, Carral (Carrión, min 79), Sanmi (Felipe, min 46), Varo, Mikel Álvaro (Iván Argos, min 85), Musy (Edu Martínez, min 46) e Cañizo (David Nates, min 71). 

O árbitro Sahelices Puga, do comité asturiano, amonestou con cartón amarelo a Pibe e Rafa Mella do CD Arenteiro e a Cañizo e Mikel Álvaro do CD Laredo.

Leave a Reply