O Arenteiro colle distancia por arriba despois dun partido brillante contra o Valladolid Promesas (0-2)

O Arenteiro volveuno facer fóra do templo. En terras castelás demostrou a súa calidade nun dos seus mellores encontros como visitante fronte o filial do Real Valladolid. A vitoria veu dada grazas a un gol de Escobar xa na primeira parte e outro en propia a prol dos verdes na segunda. Os de Javi Rey seguen líderes e afástanse 9 puntos do seguinte na táboa, a SD Compostela, que empatou esta xornada a falta de dez para rematar a liga.

Previa

Os de Javi Rey chegaban ao Anexo do José Zorrilla con 50 puntos e coroados como líderes intratables tras a vitoria da pasada semana en Espiñedo fronte o CD Palencia. O Arenteiro levaba sen perder fóra da casa dende o 30 de abril do 2022 e todo apuntaba a que sería un encontro complicado contra un dos seus rivais directos.

O RV Promesas situábase no terceiro posto da táboa. Sumaban os de Julio Baptista 5 encontros invictos para enfrontarse ao prato forte da categoría. Os valisoletanos buscaban asegurar a súa posición de play-off e contaban cunha gran afección que se quedaba a apoiar ao filial despois do partido do Valladolid co Espanyol.

Primeira parte

Os locais saíron ao campo coa dinámica habitual dun filial. Buscaban xerar perigo a un Arenteiro líder e fixérono nos primeiros 5 minutos cun remate de Chucki que Diego García acollía preparado. Tamén Kike Ríos tería a súa oportunidade pouco despois.

Porén, axiña o Arenteiro se fixo notar no Anexo José Zorrilla. Markitos e Pibe asistían as bandas dos verdes e Álex Fernández manexaba o xogo dende a súa posición. Foi o capitán o que promoveu unha ocasión clara dos verdes co lanzamento dunha falta que Markitos remataba de cabeza sen éxito pero que preludiaba o que acontecería pouco despois.

Cando entraba a recta final da primeira parte aproveitaron os visitantes unha acción a balón parado para poñerse por encima no marcador. Tras un saque de esquina, Escobar apareceu para encaixar o coiro na rede custodiada por Yari.

A vantaxe dos carballiñeses ilusionou a parte da bancada tinguida de verde e descentrou ao filial do Valladolid, que remataba a primeira parte do encontro sen posesión e reclamaba un penalti na última xogada de Cédric.

Segunda parte

O tempo de descanso cumpríase sen trocos en ningún dos equipos enfrontados. Os de Javi Rey saíron ao campo con ganas de manter os tres puntos. No minuto 48 Pibe xa realizaba un disparo a porta que marchaba por riba pero que asustaba aos locais.

Os primeiros trocos chegaban por parte do CD Arenteiro. Abandonaba o campo o goleador Antón Escobar e chegaba fresco Manín para loitar por outro tanto. Nas filas do RV Promesas, era Arroyo, que adestra co primeiro equipo, quen entraba por Chuki. Porén, resultou Cédric quen intentou xerar perigo na meta de Diego García sen éxito.

Moveu ficha o Arenteiro da man de Álex Fernández, que se posicionou na frontal da área para lanzar a Yari. Malia que non conseguiu o gol, froito desta xogada aproveitaron os locais un córner que creaba unha oportunidade máis. Foi entón cando chegou o segundo dos verdes. No 66 e cunnha agrupación de homes preto da portaría de Yari, o coiro que viña dende a esquina acabou dentro empurrado por Kike Ríos.

Poñíase así por encima o equipo de Javi Rey a ritmo da Rianxeira polos afeccionados desprazados e continuaba un encontro que estaba decidido en gran medida. Poucas oportunidades para o RV Promesas da man de Moreno e Slavi  e dominio do líder foi o que se puido ver despois do último gol.

Os verdes volven a casa o próximo fin de semana para loitar por outra vitoria contra o CD Laredo. Neste momento con 53 puntos na vixésimo quinta xornada, afástanse do segundo clasificado, o Compos por 9.

Palabra de Javi Rey

O adestrador do CD Arenteiro mostrou as súas felicitacións aos xogadores e amosábase ilusionado por ter conseguido tres puntos claves: “O primeiro que teño que facer é felicitar aos meus xogadores. Fixeron un partidazo ante un dos mellores rivais desta categoría”. Sobre a dinámica do encontro asegurou: “Fomos xustos vencedores. Tivemos o partido controlado en todo momento e sobre todo na segunda parte fixemos un partido moi completo.”

Referente ao rival: “Coñeciamos moito o Valladoliz Promesas; xogadores con moita velocidade, o equipo máis goleador da categoría. Soubemos como atacar, non equivocarnos nas transicións e creo que o plan de partido saíu a perfección.”

O CD Arenteiro consolídase como líder e a clave segundo o seu adestrador, ademais de todo o traballo e unión que hai detrás, é  que “é un equipo que se centra só no próximo partido, aínda que soe a tópico”.

Javi Rey salientou as habilidades dos verdes esta tempada: “Eu creo que este equipo non se confundiu nunca, nin no primeiro tramo da competición cando tivo Copa Federación nin nas eliminatorias da Copa do Rei.”

Malia a celebración, o adestrador quere manter a calma: “A partir de mañá, pensar no rival. Quedan dez partidos pero non hai nada definitivo e hai que seguir nesta liña que é a que lle está dando éxito ao CD Arenteiro.

Ficha técnica

VALLADOLID PROMESAS (0): Yari, Iker Pérez, Adri Gómez, Kike Ríos, Diego Moreno, Quintana, Maroto, Fran Rivera (Joao Pedro, min 68), Pozo (Fran López, min 79), Chuki (Roberto Arroyo, min 56) e Cédric (Slavi, min 79).

CD ARENTEIRO (2): Diego García, Jordan (David Álvarez, min 70), Germán, Pol Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro, Adrián Cruz (Rafa Mella, min 76), Pibe (Vitra, min 70), Markitos (Romay, min 76) e Antón Escobar (Manín, min 54).

O colexiado que arbitrou o encontro foi García Arriola, do comité vasco. Sen moitas interrupcións no xogo, sancionou con cartón amarelo no equipo rival a Fran López.

Leave a Reply