Novo adestrador e nova vitoria para o C.D.Arenteiro fronte ao Burgos Promesas (1-2)

Con Javi Rey de estrea, os verdes lograron encaixar un novo triunfo con dous goles de Markitos. O C.D. Arenteiro mantense no primeiro posto da clasificación. Xa suma 27 puntos

A despedida de Fran Justo esta semana deixou un baleiro no C.D. Arenteiro que axiña ocupou Javi Rey, ex-adestrador do Barco. O encontro contra o Burgos C.F. Promesas postulábase como unha proba para determinar como se atopaba o equipo carballiñés despois destes cambios. Non defraudaron os verdes a unha afección que marchou cara a Burgos para acompañar unha vez máis ao clube e demostrar todo o seu apoio.

A primeira parte xa comezaba coa posesión do coiro en terreo do Arenteiro. Ambos equipos tiveron oportunidades, Pibe e Marino intentaron facer chegar o balón á rede, pero non tiveron sorte. Pouco despois dos vinte minutos de xogo, foi Markitos, cun pase de Antón Escobar quen logrou encadrar o tanto que poñería por diante aos visitantes galegos. Adriá Rojas mantivo a portaría a cero, ocupando o posto que adoita ter Diego García, sancionado no último partido contra o Compos.

A seguinte metade do partido estivo marcada por un ritmo similar entre os dous contrincantes. Mentres que entre a afección se escoitaba moito galego, o colista non llo puxo fácil a un Arenteiro que vai a cabeza da clasificación. Porén, Markitos volveu a aparecer para recoller o rexeitamento dun disparo de Jordan que non logrou parar a defensa do Burgos. Co número dez na camiseta, vía cada vez máis cerca a vitoria o goleador desta xornada.

Os burgaleses buscaban contraatacar a posesión do C.D Arenteiro no campo e adentrarse na área defendida por Rojas. Cando xa o encontro parecía darse por rematado, Erik Rafael executou un disparo á esquina superior dereita da rede que o porteiro do Arenteiro non chegou a desviar. Foi a escasos minutos de pitar o final o momento no que os locais anotaron este tanto.

Tras algunha intervención do asistente médico no campo e o posterior tempo de engadido, o polbo mecánico regresaba a casa co triunfo da xornada 12, un máis, cun novo adestrador. O C.D. Arenteiro segue líder despois do Guijuelo, que gañou hoxe ao Polvorín (1-0). O próximo domingo xógase manter o liderato en Espiñedo, o templo verde, ás 12:00h contra o Ourense C.F.

FICHA TÉCNICA

BURGOS C.F. PROMESAS: Hormiga, Dani Burgos (Ricoy, min 71), Álex Marcos (Román Hervás, min 24), Tito, Pol Bassa, Marcos Gil (Hassane, min 71), Santi Pérez (Saúl, min 62), Marino, Erik Rafael, Ethan, Jesús Jiménez (Pinto, min 62).

CD ARENTEIRO: Adriá Rojas, Jordan (Germán, min 71), Vitra, Pol Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro, Pibe, Marquitos (Romay, min 65), Manín (Rafa Mella, min 65) e Antón Escobar (Adrián Cruz, min 84).

ÁRBITRO: Villanueva Amorrortu, do comité vasco. Cartóns amarelos dentro do Burgos Promesas: (4′) Fernando Peralta Galindo, (89′) Pol Bassa Mora, (90+1′) Lucas Ricoy Serrano. No C.D. Arenteiro foron amoestados con cartón amarelo tamén: (61′) Alex Fernández, (67′) Jordan e (90+5′) Curro.

Leave a Reply