O C.D Arenteiro segue líder tras perder contra o Compostela (0-1)
O derbi galego entre o C.D. Arenteiro e o Compostela saldouse coa primeira derrota dos verdes en todo o transcorrido de liga. Un gol de penalti de Mario Rodríguez no primeiro tempo por unha man de Pol Bueso determinou o resultado final: 0-1 no Espiñedo.
Porén, o equipo carballiñés mantén a súa primeira posición na clasificación con 24 puntos (4 máis que o Guijuelo, segundo na táboa). O de hoxe foi un partido de ambiente tenso, con protestas polas amoestacións do equipo arbitral. A rivalidade entre os equipos quedou reflectida no terreo de xogo.
O último encontro do C.D Arentero e a S.D Compostela foi no mes de agosto, en Portonovo. Xogábanse a final da Copa Federación Autonómica e tras un partido moi renxido, os do Carballiño lograron a vitoria nos últimos minutos.
Actualmente, o Arenteiro chegaba á xornada once tras case sete meses sen perder. Líder da categoría, campión da Copa Federación e vitorioso da primeira eliminatoria da Copa do Rei contra a U.D. Almería. O Compos levaba dúas vitorias consecutivas e coa de hoxe acumula a terceira. Posiciónase nos postos altos da táboa (18 puntos, 5º posición). A afección dos da capital de Galicia querían que fose o seu equipo quen derribase a boa racha do Clube Deportivo Arenteiro.
O once de Fabiano saíu ao Espiñedo con forza e sinais de ataque. O Compus xa tivo a súa primeira ocasión cando Darío Germil intentou rematar buscando o segundo pau da portaría que custodiaba Diego García. Damián Canedo tamén procurou o gol, pero atopouse cos despexes de Jordan e Vitra.
O Arenteiro lidiaba con situacións de perigo. Un centro de Fer Beltrán rozou a man do defensa Pol Bueso e o colexiado pitou falta. Con polémica, foi esa a que deu ao Compos o gol no minuto 23 do catalán Mario Rodríguez. As dúas peñas compostelás presentes celebraron cos xogadores este tanto coma un milagre na Porta Santa, mentres que a marea verde das bancadas carballiñesas empurraban os folgos do polbo mecánico.
Despois do gol, o equipo de Fran Justo empezou a ter dominio sobre o terreo de xogo dos visitantes e aumentaron a súa presenza na zona ofensiva. Pato Guillén, que non era ben recibido no estadio, sufriu despois da media hora de xogo. Desviou un disparo de Jordan e parou unha oportunidade de Joseca. O coiro foi demasiado alto no caso do centrocampista Álex Fernández.
A segunda parte comezou perigosa para os verdes. Os cartóns amarelos acumulábanse para a plantilla carballiñesa e os xogadores do Compos buscaban a dinámica defensiva. Aínda así, o gardameta do C.D. Arenteiro salvou o 0-2 froito dun tiro de Domínguez e Mario Rodríguez seguiu demostrando o poderío dun xogador que funciona tanto en ataque coma en defensa.
O adestrador do C.D Arenteiro, contrariamente ao habitual, realizou pronto tres cambios. Incluíu a Manín, Markitos e Ger co obxectivo de xerar máis actividade en tódolos frontes.
O equipo carballiñés intentou xogar por banda, mais o seu opoñente non o poñía fácil. Fabiano aprendera a forma de buscar gol do rival.
Ademais, a continuidade do partido nesta segunda parte seguía a ser escasa. Os numerosos paróns impedían o desenvolvemento que necesitaba o Arenteiro para crear perigo. O colexiado, González Páez, paraba o tempo. Cada vez había menos fútbol e a xente da grada do Espiñedo mostraba o seu continuo desacordo.
Os centrais do Compos fixeron un bo traballo, pero os defensas dos verdes non deixaron pasar o balón a área do C.D Arenteiro. Ger e Vitra pararon a un recén chegado Parapar e Joseca trataba de avanzar pola banda esquerda. Nesta segunda parte os locais tiveron algunha ocasión máis da man de Antón Escobar.
O colexiado engadiu 8 minutos máis a un partido que parecía non rematar nunca. Darío e Jordan foron amoestados por enfrontarse no campo, o delegado do C.D Arenteiro foi expulsado, Pato Guillén precisou dúas intervencións do equipo médico, etc. Para rematar, no minuto 96, Diego García foi tamén expulsado por cortar un avance dun xogador do Compos.
En definitiva, unha xornada marcada pola polémica. Agora o C.D Arenteiro mira cara o futuro. O próximo encontro será contra o Burgos CF Promesas e a afección continúa coa ilusión da seguinte eliminatoria da Copa do Rei contra o Atlético de Madrid.
Ficha técnica
Arenteiro : Diego García, Jordan, Vitra (Adriá Rojas, min 96), Pol (Germán, min 59), Bueso, Joseca, Álex Fernández, Curro, Rafa Mella (Marquitos, min 59), Romay (Manín, min 59), Pibe y Antón Escobar.
Compostela : Pato, Riky Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián, Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Samu, min 85), Mario Rodríguez (Parapar, min 74) y Darío (Jorge Cano, min 81).
GOLES: 0-1, min 24: Mario Rodríguez, de penalti.
ÁRBITRO: González Páez, do comité madrileño.